>
Crónica
DIA DO SENDEIRISTA GALEGO 2026
Este ano tócanos ser os organizadores desta bonita actividade federativa, na cal nos atoparemos sendeiristas de toda Galicia, para compartir camiño e desfrutar desta bela paisaxe, así como poñer en valor os carreiros homologados que podemos desfrutar en Galicia. Para tal motivo escollemos este roteiro pola Ribeira Sacra do Miño.
Concentrámonos no punto acordado, para dirixirnos en bus ao lugar de saída, que se atopa no comezo do roteiro á fervenza de Augacaida. Repartimos un díptico do roteiro do día, unhas breves palabras, e comezamos a camiñar. Baixamos por unha fermosa carballeira ata a fervenza de Augacaida, facemos unhas fotos e subimos ata o cruzamento que nos leva ata Marce. O camiño é moi fermoso, con esta vexetación tan exuberante, ao abrigo de carballos, castiñeiros, érbedos e algunha conífera. Pasamos ao lado da Míllara, onde desfrutamos dunha vista preciosa, seguimos e chegamos a Valboa, que está en plena restauración. Baixamos ata o embarcadoiro de Casa de Maiorga. Continuamos e chegamos ao Carballo, unha aldea chea de casas de turismo rural, tócanos unha subidita ata a igrexa de Santo André. Xa nos vai faltando menos camiño por percorrer, e chegamos á nosa última carballeira, ao entrar xa vemos na ladeira de en fronte a nosa meta, a adega A Cova. Segundo achegámonos vemos por encima do viñedo o meandro do Cabo do Mundo.
Faremos a comida de confraternidade aquí no asador da Cova, desfrutando das magníficas vistas que ten o comedor acristalado. Despois dunha saborosa comida, repartimos o agasallo conmemorativo do día, e despedímonos ata a seguinte actividade.
Grazas a todos por este marabilloso día e a ata a próxima.
Un saúdo.
Roberto
