Crónica

O domingo 22 de xullo, fixen por primeira vez unha ruta de sendeirismo co grupo os Sendeiros de Foz. Xa hai tempo que tiñas ganas de facelo, pois aínda que camiño case que a diario, non sabía como me iría nunha destas rutas. Mais como o destino me apetecía ,decidinme e fun.
Saímos de Foz cedo, ás 7,30 da maña, xa que ben facía falta o tempo para chegar ao punto de comezo da marcha. A viaxe comezou atravesando a Terra Chá e dirixíndonos a Sarria onde fixemos unha parada nun bar de estrada. Logo, arredor das 11,30 chegamos a Parada do Sil, xa na provincia de Ourense, despois de atravesar unha estrada chea de curvas que anunciaba que baixabamos para a ribeira do río. Alí mercamos o pan , que o os organizadores xa tiñan encargado nunha panadaría, e tamén bicas, madalenas e empanadas. O recendo do pan quentiño e o tempo que pasara xa dende o almorzo fixo que nos entrasen as ganas de comer.
Dende alí, sobre as 12 da mañá, iniciamos a ruta: uns 7 Km que nos ían permitir ver os canóns dende arriba, asomarse a varios miradoiros e apreciar a altitude dos acantilados graníticos, que como verdadeiras obras de arte a natureza esculpe con formas variadas. O primeiro miradoiro ao que nos asomamos foi o chamado “Balcóns de Madrid”, un miradoiro de vertixe que permite desde o primeiro momento comprender a magnitude “ arquitectónica” desta paisaxe natural. Non sería este o único xa que desde ambas as ribeiras, no norte na provincia de Lugo e no sur na de Ourense aparecen moitos outros ,que despois volvemos apreciar desde o catamarán. O camiño seguía por un sendeiro máis estreito que en zig zag nos foi levando polo medio dun bosque, frondoso , variado e moi exuberante. Esta vexetación débese ao microclima que hai nesta ribeira, con matices mediterráneas e máis resgardado das borrascas atlánticas. Esta suavidade fai que xunto con castiñeiros floreadísimos (como eu nunca antes vira), houbese tamén érbedos, sobreiras, loureiros e moitas herbas aromáticas, como romeiro, lavanda etc.

Ruta dos Canóns do Sil Ruta dos Canóns do Sil Ruta dos Canóns do Sil Ruta dos Canóns do Sil


A ruta levounos ata o convento de Santa Cristina. Esta é outra das características desta zona: a presenza numerosa de restos de antigos cenobios, ata 12 mosteiros chegou a ter a que coñecemos como “Ribeira Sacra”, a maioría “Beneditinos”. Eses monxes réxense polo ”ora et labora” e sen dúbida, o lugar e a paisaxe, son propicios para iso, xa que o illamento do lugar préstase para a oración e esa mesma natureza esixe moito traballo para facer producir as terras. Deste gusto dos monxes por construír os mosteiros tan escondidos, iamos chanceando mentres camiñabamos polo bosque, falando de como hai varios centos de anos se chegaba a ese lugar e xa non se podía regresar. Así chegamos a Santa Cristina , onde un guía nos explicou algún detalle sobre a igrexa e o claustro, que está restaurado, pero que non alberga nada. Sen dúbida a perda de importancia deste cenobio, beneficiou o de Santo Estevo, máis grande, que perdurou máis ó longo do tempo.
Sobre as 3 da tarde,todos agardabamos para xantar e repoñer forzas. Fixémolo nun cámping próximo, que tiña un bo merendeiro á sombra .

Ruta dos Canóns do Sil Ruta dos Canóns do Sil Ruta dos Canóns do Sil Ruta dos Canóns do Sil

Dende alí fomos ao embarcadoiro de Santo Estevo para coller o catamarán; fixemos polo río o mesmo percorrido pero en sentido inverso, o mesmo que pola mañá fixeramos a pé. O percorrido de 1 hora e 30 minutos vai acompañado dunha voz feminina que vai contando as características da viaxe: miradoiros, especies vexetais, altitudes , materiais e onde destacan dun xeito especial as terras traballadas nas ladeiras dos acantilados, cultivadas con vides, que segundo algúns, trouxeron os beneditinos e cultivaron en bancadas ou terrazas. Esa sería a razón de que se instalasen en sitios tan illados e resgardados; unha forma de traballar as terras, que aínda hoxe se presenta complexa, malia que a tecnoloxía ten medios para salvar as dificultades que presenta a altitude e o desnivel da paisaxe, pero que fai reflexionar na dureza que ese traballo tería hai varios centos de anos. Trátase de parcelas pequenas, moi irregulares e escondidas en paredes moi traballadas pola erosión do río.
A viaxe no “barco” fixémola baixo un sol de xustiza e, aínda que todos diciamos que no ría había de facer máis fresco, a brisa por máis que a esperabamos non se notaba. Aínda así a viaxe ben merecía a pena.
A viaxe de volta, iniciámola ás 7 da tarde, e malia a calor que aínda facía , houbo un bo ambiente no grupo xa no “autocar”, como di Julita, pois vimos un vídeo coas alfombras do día do Carme, unhas vistas aéreas de Foz impresionantes e aínda houbo quen tivo ánimo de botar unha canción durante a viaxe. Outros tamén aproveitaron para botar unha soneca e recuperar forzas antes de chegar a Foz, aproximadamente ás 10 da noite.
Persoalmente, foi un bo día en compañía dun grupo moi agradable, que espero e supoño será preludio doutras viaxes máis para min.

Maica