CRÓNICA

A Asociación Os Sendeiros de Foz iniciou a súa programación especial de verán con moi bó pe. Non se contaba que a I MARCHA NOCTURNA PRAIAS DE FOZ fora ter tanto éxito, e quedamos sorprendidos coa participación de 170 persoas de tódalas idades, incluíndo nenos. Moitas eran persoas que están a veranear na vila.


Xuntámonos a carón do monumento á pescantina, representada por unha estatua de ferro que reproduce fielmente a unha delas: a inesquecible Xica. Alí Ana fixo a foto de grupo de rigor e o presidente da Asociación pronunciou unhas palabras para presentar a marcha, agradecer a participación e dar unhas cantas directrices para que todo saíse sen incidentes desagradables. Tamén o Sr. Alcalde se dirixiu os asistentes.


Con puntualidade británica, as 10 en punto da noite, comezamos a andar. Estaba anoitecendo, ese momento que os mariñeiros do lugar chaman “o axexo”. Así entre lusco e fusco pasamos a carón do “Joaquincito” e entramos no paseo marítimo que comeza fronte a Praia da Rapadoira. Ó chegar á punta do cabo xa era noite pechada e non se podía facer fotografías xa que as nosas cámaras son de pouca categoría e saen moi escuras.


O grupo camiñaba estirado, enchendo o paseo, e en amigable conversación. Así fomos pasando polo Ollo do Mar, A Verde… e todas esas calas tan bonitas que ten a nosa costa. En lugares con pouca contaminación lumínica si un se fixaba podía observar a
bioluminiscencia das augas que se facía máis visible ó chocar contras as pedras. Isto é o que os mariñeiros do lugar chaman “arder a auga” que non é outra cousa que a bioluminiscencia do plancto que brilla cando se move.


Pasamos a Praia de Llas onde unha luz no medio do areal indicaba que había pescadores de cana tratando de pescar algo e gozando do silencio e da noite con unha temperatura perfecta para estar fora. A verdade é que daba gusto aquela calma. Un mariñeiro diría que estaba “unha noite podre”.
Ó chegar ó lugar coñecido como Auga Xosa un cartel informábamos que levamos camiñados 3325 m. e entrábamos no tramo de nova construción que chega hasta á Praia de Peizás. Este tramo está perfectamente iluminado e a xente que portaba lanternas e candís apagáronos pois non eran precisos.
Ao chegar a Praia de Peizás estaban a esperarnos o noso presidente e máis Zamora que nos fixeron entrega dos vales para tomar unha taza de chocolate con churros cando cheguemos de novo ó punto de saída. Alí fixemos unha pequena parada para reagruparnos, e beber un grolo de auga na fonte alí situada.

I Marcha Nocturna Praias de Foz I Marcha Nocturna Praias de Foz I Marcha Nocturna Praias de Foz I Marcha Nocturna Praias de Foz


Comezamos de novo a andar, non sen antes acender lanternas e candís. O chegar a altura do cámping San Rafael tomamos un camiño sen asfaltar para enlazar con unha pista da concentración parcelaria que, en liña recta nos levaría ata a altura da estación de servizo. Entón viramos á esquerda e dirixímonos de novo cara a costa, que encontramos no punto onde se atopan os servizos da Praia de Llas, na parte occidental da mesma.
Aquí volvemos a camiñar polo paseo marítimo no que sería o último treito para rematar a marcha. Fronte a nós podíamos observar as luces da costa de Barreiros, Ribadeo e, ó fondo Tapia xa en Asturias. Toda a costa está profusamente iluminada.


Ó chegar de novo á Praia da Rapadoira atopámonos con cantidade de xente paseando que se estrañaba de ver tantos camiñantes, incluso algún pensou que se trataba dunha manifestación. Na zona do paseo preto do Rego de Foz numerosos mozos e mozas estaban comezando unha noite de botellón. As mesas de cemento da área de descanso estaban ateigadas de bebidas.


O pasar tamén podíamos observar as terrazas cheas de xente gozando da noite. Por fin chegamos a Tupide onde se atopaba o posto de reparto de chocolate e churros. O reparto foi rápido e houbo chocolate para repetir. Estaba riquísimo. Noraboa a quen o fixo.


E noraboa ós organizadores da marcha polo éxito tanto en participación como en organización. Pasamos todos un par de horas moi entretidas facendo exercicio e gozando do paseo, da noite, do tempo e da compaña de tantos andaríns.

 

David Méndez