Crónica
Un ano mais os amigos da asociación de sendeirismo
Pasada das Cabras, de Burela, convidáronnos a participar na xuntanza
anual de sendeiristas, con subida ó Monte Castelo e xantar de
confraternidade na área recreativa alí situada. Somos 23 os participantes
que partimos de Foz as 10 da mañanciña. Algúns viñan con paraugas e
chuvasqueiros porque tiñan ben gravado na memoria a xornada do ano
anterior, que choveu d'arreo.
O autobús deixounos diante da Casa do Concello, e alí
nos entretivemos un bo anaco, disfrutando dunha excelente exposición de
fotos antigas todas relativas a actividade pesqueira e portuaria de Burela.
Para os mais vellos eran un recordo de outros tempos e de xentes
coñecidas. Para os novos, que non viviron aqueles anos, espero que sirva
para indicarlles de onde vimos e sirva de referente para saber onde
estamos e cara a onde queremos ir.
Naquelas fotos recoñecemos persoeiros entrañables de Foz, vellos mariñeiros:
Pelolelo, Julio de Castro, Amador ou Manolo de
Lousas. Tamén os vellos camións Barreiros de
Pescados Rey e un bo
número de barcos que viñan refuxiarse o peirao de Foz
durante todo o
inverno. Alí nos fixo Ana a primeira foto do
grupo, e dirixímonos cara
á Praza da Mariña.
Aínda non chegara ninguén, así que aproveitamos
para tomarmos un café, que amablemente nos serviu Marlén. Pouco a pouco
foron chegando os diversos grupos participantes: Peña Furada, de
Navia;
As Bolboretas, de Xove;
O Estoupo, de Luarca; e nós mesmos,
Os Sendeiros,
de Foz. Tamén había algún sendeirista participando de xeito individual,
sen pertencer a ningunha asociación. En total 200 participantes.
Despois de facer a foto de grupo de rigor, nas escaleiras
da Capitanía Marítima, iniciamos a marcha cando eran as once e vinte da
mañá.
A primeira parte discorre polo paseo marítimo, do que
este ano puidemos disfrutar en todo o seu esplendor xa que o sol nos
acompañaba. Un mar azul inmenso, bonitas praias coma a de Portelo e
A
Marosa, e recoletas calas coma a do Ril. Despois de pasar a praia
A
Marosa seguimos un camiño que vai á sombra dos eucaliptos, ate chegar á
Rúa do Vilar, onde cruzamos a carreteira, ben protexidos pola Garda
Civil. Neste punto xa recorreramos 4,2 km.
Seguimos camiñando 500 metros por asfalto, pasamos a Fonte
dos Caños e collemos un camiño, á dereita hai unha horta con un
hórreo. Continuamos en ascensión e tomamos o Camiño dos Laxes, que nos
conduce á Vila do
Medio, bonito barrio con casas que teñen labradío,
frutales, xardíns... un fermoso rincón de Burela.
Cando levábamos recorridos 5,5 km, chegamos á Fonte da
Lamela, de abondoso caudal, e dende aquí iniciamos unha ascensión máis
pronunciada seguindo un camiño entre eucaliptos que nos conduciría ó
Cemiterio Municipal. E xa un derradeiro esforzo para subir a empinada
costa que nos achegaría á meta: o precioso entorno da área recreativa
do Monte Castelo.
Alí xa estaba todo preparado, as mesas postas baixo unha
carpa, e inmediatamente nos sentamos para dar boa conta dos manxares deste
xantar de confraternidade: empanada de chícaros, (así é como chamamos
os de Foz ós
berberechos), sardiñas asadas, churrasco, tarta de
Santiago, café con gotas, e unha magnífica queimada.
Na sobremesa, charla distendida e sobre todo cantos. Hai
que dicir que Cuello deu un recital de bo cantar asturiano, e que
José
Luís non puido resistir a tentación de cantarlle ó seu "Xixón
querido, Xixón del alma"
Marabillosa xornada a que pasamos cos nosos amigos de Burela,
Xove,
Navia
e de Luarca. Esperamos pasar con eles unha non menos
marabillosa xornada en Setembro, no Encontro de Sendeirismo Río Ouro. ¡
Non faltedes o 20 de Setembro!
Ata sempre compañeiros,
David Méndez
|