Crónica
Ruta Senda do Oso.
Esta será a última saída deste
mes de xuño, e desprazarémonos a
terras asturianas, para facer o
roteiro Senda do Oso, pero nesta
ocasión eliximos comezala en
terra de Quirós, na área de
turismo activo do encoro de
Valdemurio.
Aínda que a previsión non
anunciaba choiva, a auga aínda
que suave, acompáñanos ata case
a metade do roteiro. Facemos a
foto de grupo antes de comezar a
marcha, xa nos primeiros pasos
deste roteiro fácil, atopámonos
con algo típico e abundante do
roteiro, un túnel, debido a que
esta discorre por un antigo
trazado dun tren mineiro, e con
eles sálvanse as montañas e
desfiladeiros. Con paso
tranquilo gozando da paisaxe
seguimos a senda, ata chegar a
Caranga de Abaixo, onde
colleremos o desvío cara a
Entrago, lugar onde terminaremos
a marcha de hoxe.
A pesar da choiva imos gozando
da camiñada, a paisaxe, o rumor
das augas bravas dos ríos que
bordeamos, dos paxaros que nos
deleitan co seu agradable piar.
Estamos rodeados dunha gran e
exuberante vexetación, cun verde
intenso, castiñeiros, carballos,
faias, cerdeiras, nogueiras,
debido á humidade. Facemos
innumerables fotos, as vistas
meréceno, túneles na montaña,
pontes sobre o río, crestas
respingonas de roca calcaria que
rozan o ceo, e túneles de manto
vexetal formados polas follas
verdes, das copas das árbores.
Non logramos ver ningún oso
polas montañas, hai nubes baixas
a intres, pero se logramos ver o
voo de aves rapaces, aguias,
voitres.
Río Quirós, río Trubia, río
Teverga, desfiladeiro de Pedras
Caídas, zona de escalada de
Entrago, canto para ver e gozar,
magnifico roteiro. E como
colofón, unha rica e suculenta
comida no restaurante Pena Sobia
en Entrago.
Grazas a todos por vir e
facernos pasar un día tan
xenial.
Saúdos.
Morís