>  

 

Crónica

Ruta Mirador Auga Caída, Mañón.

Para este mes de xuño imos dirixirno ao concello de Mañón, para facer o roteiro do Miradoiro de Auga Caída, bonito roteiro pola ribeira do río Sor.


Partimos da área recreativa de Ponte Segade, antes de comezar, damos unha breve descrición do roteiro e unhas mínimas normas a seguir por culpa da pandemia. Comezamos subindo pola estrada asfaltada que se dirixe a Insua e seguimos subindo pasando por distintas aldeas unhas abandonadas outras con poucos habitantes, ata chegar á estrada xeral onde viramos á dereita para descender ata o miradoiro da fervenza. Neste punto aproveitamos para facer unha parada e repoñer forzas tomando algo e de paso gozar das magnificas vistas.


Toca baixar por un carreiro serpenteante, ata a beira do río Sor, contemplar desde abaixo a caída da auga desta bela fervenza, sacamos a foto de grupo coa fervenza de fondo. E comezamos a camiñar río arriba, gozando da paisaxe tan fermosa que nos rodea, un precioso bosque de ribeira, con castiñeiros, carballos, unha vexetación exuberante e moi verde, e gozando do rumor das augas bravas do Sor. Cruzamos o rio por unha bela ponte de madeira e atopamos a primeira área de descanso do camiño, cun belo muíño recuperado como refuxio, seguimos serpenteando augas arriba ata a seguinte área esta con unha grella tripla, todo o camiño é moi agradable coa visión do río, as súas augas claras, a súa bravura e rumor, agora toca cruzar de novo o río, esta vez sobre unha ponte de formigón, e chegar a outra fermosa área de descanso, tamén cun muíño recuperado como refuxio e grellas.


Xa nos queda só 1,5Km para chegar ao final da camiñada de hoxe, chegando á área na que iniciamos a marcha e onde imos comer. O día esta marabilloso, fai un sol esplendido e unha temperatura bárbara. Comemos tranquilamente, e despois despedímonos e regresamos ás nosas casas.


Grazas a todos por este magnífico día.


Un saúdo.

Morís.