Powered by Wikiloc
 
 

>  

 

Crónica

Andaina de verán: Alto do Virin

Neste primeiro roteiro de agosto, iremos á parroquia de San Martiño, para desde a capela do Carmen subir ata o Virín.
O día amence magnifico, asollado e con moi boa temperatura, co que poderemos gozar dunhas magníficas vistas.

 Concentrámonos diante da capela, e ás 9:00h comezamos a camiñar, para aproveitar estas primeiras horas que son máis frescas. Imos subindo por unha pista de saburra, rodeados de eucaliptos, con algún piñeiro entre medias, por iso rodeados de tanta arboleda gozamos dunha sombra que nos proporciona frescor. Nas zonas onde se cortou madeira, ábrese unha xanela fabulosa, onde gozar dunha impresionante panorámica. A subida é cómoda cunha pendente favorable para subir, que entre pendente e pendente temos sempre unha zona chaira onde recuperar. Así como quen non quere a cousa chegamos ao cume, ao alto do Virín, onde está a caseta dos forestais, comemos algo, facemos unhas fotos e gozamos desta vista de toda a comarca, unha panorámica 360. Toca comezar o descenso, farémolo seguindo a crista, pola devasa cara ás Penas do Boitre, onde descenderemos dirección Oirán, iso si sen chegar, xa que imos cara á Hermida, despois da capela desviámonos á dereita para entrar no monte e dirixirnos cara ao punto de inicio da marcha de hoxe.


Foi un magnifico día, grazas a todos por facelo posible.


Un saúdo.
Morís.