>  

 

Crónica

Ruta Castro de Doade, Lalin


Nesta ocasión, dirixímonos a terras de Lalin, para facer o roteiro do Castro de Doade e así aproveitar para comer un cocido, xa que estamos na terra deste manxar.


Toca madrugar, o día está nubrado e temos previsión de choivas. Paramos en Lalin para tomar un café e estirar as pernas antes de chegar ao destino. Baixamos do bus diante da Casa do Patrón, museo etnográfico e restaurante típico onde comeremos ao terminar o roteiro. Equipámonos e comezamos a andar atravesamos a aldea de Codesedo, e seguindo as marcas do roteiro, imos atravesando carballeiras moi fermosas, e gozando do rumor das augas do río Asneiro. Así chegamos ao muíño de Froiz, fermoso e ben conservado, despois de visitalo e fotografalo continuamos camiñando, pasamos sobre e baixo a vía do tren e chegamos a Vilanova, onde destaca a súa igrexa románica así como as vistas do val. Continuamos subindo ata chegar ao Monte de Arriba, onde facemos a parada para repoñer forzas tomando algo. Comeza a chover cando nos toca baixar ata Santome, atravesando fermosas carballeiras por corredoiras rodeadas de muros de pedra tapizados nun musgo verde moi fermoso. Seguimos descendendo ata cruzar de novo a vía do tren, unha vez pasada collemos á esquerda para seguir polo camiño ata cruzar o río por unha ponte de grandes laxas de pedra.


Ao chegar á altura da estrada, decidimos acurtar o roteiro por que está a chover e así continuamos pola estrada ata atopar á nosa esquerda as marcas do roteiro, que nos levan pola marxe esquerda do río, remontando as súas augas ata o punto de partida. Cambiámonos de roupa, para quitar a humidade e imos ata o restaurante para degustar ese rico cocido que nos espera. Rematada a comida, facemos a visita a este fermoso museo etnográfico, co que poñeremos o punto final ao día de hoxe.


Foi un fermoso día, por estas terras en moi boa compañía. Un saúdo e ata a próxima.


Morís.