Crónica
Un ano máis Os
Sendeiros fomos invitados polos
nosos amigos da “Pasada das
Cabras” de Burela a pasar unhas
horas xuntos.
Ás 11 da mañá comezamos dende a
praza da Mariña o percorrido,
non sen antes facer a foto do
grupo que integrábamos os
camiñantes. De Navia, Xove, Foz
e de Burela formábamos un grupo
dunhas 200 persoas que íamos a
facer a aventura.
Saímos este ano camiño do porto
á beira das ocas e patos que
habitan ceivas polo porto.
Seguimos a ruta collendo a
dereita unha escaleira un pouco
empinada que nos achega ás
primeiras casas para ir
levándonos a un fermoso paseo
cunhas vistas fermosas do
grandioso porto, os asteleiros
de Armón e o inmenso mar. Poucos
barcos teñen atracados, a
costeira do bonito manda. O
paseo vai pola parte baixa de
Burela á beira do mar e,
achéganos a zona residencial O
Cantiño, tendo como fondo as
praias da Areoura e Alemáns do
concello veciño de Foz que fan
unha paraxe envidiable.
O paseo pon fin no Perdouro,
cruzamos a estrada xeral N-634,
e collemos unha senda paralela á
circunvalación que pouco a pouco
lévanos polo medio do monte con
uns repeitos máis ben duros que
a máis fainos tomar alento. O
camiño vai polo medio da sombra
que co día de sol que tivemos
era de agradecer.
Na subida coma sempre o grupo
íase estirando cada vez máis e
as suadas eran boas, soamente
bastaba ollar as faces da xente.
O humor non faltaba.
Este encontro e de amizade, de
ano a ano volvemos a vernos
xente coñecida que cada ano son
máis os lazos que nos van unindo.
Encaramos o derradeiro para por
fin achegarmos, ao Monte
Castelo, un área recreativa
fermosa, ten unha bonita capela
na Honra da Virxe das Marabillas.
Unhas vistas fermosas, podemos
recrearnos co mar e coller coa
man o pobo de Burela, moi ben
coidada, bancos, mesas, en fin
un lugar para pasar un bo día en
familia.
Na chegada a organización ofrece
a os camiñantes cervexa,
refrescos, empanada que
agradecemos moito pola sede e
fame que tíñamos algúns. Eran as
dúas e había que esperar ata a
media para o xantar, mentres, as
conversas, as dixitais, as
anécdotas do día.
O día era espléndido para a
xuntanza, unha carpa ampla
tíñamos para o xantar, a hora en
punto abriu as portas e
sorpréndenos as mesas ben
presentadas para facer máis.
Empanada de carne e bonito
churrasco, e todo elo regado co
bo viño da terra, de postre un
milfollas, café e alegría e de
remate baile amenizado por Xoán
de Valadouro que nos deleito con
rumbas, pasodobres, cumbias, que
ninguén quedou sen botar uns
bailes.
Foi un gran día de sendeirismo e
compañeirismo que pasamos no
Monte de castelo de Burela.
Felicitar coma sempre a os
amigos do grupo Pasada das
Cabras de Burela por facer que
pasáramos un día tan agradable.
GRACIÑAS.
Ata o ano que ven.
Manuel Pérez