Crónica


Comenzamos a nosa andaina, collendo o bus que nos levara ata os Picos de Europa, ás 7 da mañá, caras de sono nalgún camiñante, despois dunha noite de troula, nestes días de verán. Aló polas nove da mañá, chegamos á nosa parada técnica, na area de servizo Montico, na autovía “Y” en Asturias.
Xa no autobús camiño de Covadonga, Ana, fainos entrega dunha folla, na que de maneira moi sinxela e breve, fai se unha descrición da ruta así coma unha pequena pincelada da historia do lugar cara ó que imos.
Ás once da mañá o noso bus inicia a ascensión ós Lagos de Covadonga, por unha estrada estreita e serpeante, na subida atopámonos con numerosas vacas pola estrada que nos fan parar e ir moi amodiño ata que se apartan, noutros sitios atopámonos cos Alsas que levan ós turistas ata os lagos para poder visitalos xa que por estas datas non se pode subir en coches particulares. Cando chegamos á cima temos nubes e claros e algo de néboa sobre os picos mais altos. Xa vemos o primeiro dos lagos o Enol camiño do aparcamento do bus.

Lagos de Covadonga Lagos de Covadonga Lagos de Covadonga Lagos de Covadonga


Co medio día comeza a nosa camiñada, pola senda que nos leva ata o lago Enol a uns 1070m. de altitude e cunha profundidade duns 23m., bordeámolo pasando polo lado das cabanas dos pastores e baixo a sombra das arbores, paramos neste intre para deixar como fondo da foto de grupo desta ruta, o lago Enol. Seguimos a senda marcada deixando a nosa esquerda o pico Mosquital de 1289m. de altitude, dunha rocha calcaría impresionante, con numerosas vacas subidas polos penedos deste pico. Un pouco mais adiante collemos o desvío da esquerda que nos leva a través do bosque Palomberu repleto de faias ata o lago Bricial que solo ten auga na época de desxeo, nesta fermosa maña de domingo estaba ocupado por numerosas vacas pastando, a senda continua cara as Reblagas, onde atopamos unha fonte de auga fresca e cristalina, xa vemos o lago Ercina, estamos a uns 1100 m.de altitude e ten unha profundidade uns 2m., nel vemos patos nadar alegremente. O Ercina queda a nosa dereita e continuamos pola Veiga do Tiese cara ás minas de Buferrera. Percorremos a senda que as atravesa, admirando os restos dos túneles, vagonetas e vías. Esta instalación mineira funcionou dende 1879 a 1979, dela extraíase Manganeso, Cinabrio e Ferro, tras pasar un túnel chegamos á área de descanso onde se atopa o centro de visitantes e o centro de interpretación, alí esta aparcado o noso bus, o que é aproveitado polos nosos camiñantes para coller a bolsa da comida. O camiño continua e collémola desviación da dereita que nos leva pola ruta Frassinelli cara ó val de Comeya, esta ruta leva ese nome en honor a Roberto Frassinelli o Alemán de Corao, ó que se lle atribúe o deseño da basílica de Covadonga. Tras un pequeno descenso serpeante, por unha foz estreita, na que se poden ver os restos dun teleférico, atravesamos a montaña polo paso del Escaleru, cara o Val de Comeya, nada mais rematar o descenso, ó pe dos restos das entulleiras das minas, facemos a nosa parada para poder xantar, dende aquí temos unha vista dos impresionantes picos que rodean este fermoso val, cheo de abundante gando, vacas, touros, cabalos, magoa que a néboa que temos no alto dos picos non permita ver o maxestoso bo das aguias sobre as nosas cabezas.

Lagos de Covadonga Lagos de Covadonga Lagos de Covadonga Lagos de Covadonga


Unha vez recuperados os folgos levantámonos e seguimos o camiño, neste punto atopamos un atranco, temos un tramo do camiño inundado uns 20m. para evitar ter que descalzarse collemos unha variante, seguimos a ruta da Reconquista tentando atopar un terreo mais seco, así chegamos á ladeira da montaña, pero o terreo esta tamén moi húmido e entérransenos os pes. Ascendemos pola ladeira da montaña cara á estrada, por unha senda enlamada e medio desfeita das vacas que por ela soben e baixan. Na cima ó pe da estrada dos lagos algúns dos nosos camiñantes aproveitan para, nunha fonte bebedoiro dos animais, limpar a lama das botas, dos bastóns e quitar un pouco a suor.
Neste punto subímonos ó autobús que nos baixa cara a Covadonga, pola estrada dos lagos, nesta baixada o noso presi toma o micro do bus para explicar o motivo que nos levou a variar o último tramo da ruta e facer esa pequena ascensión que no é parte da ruta Frassinelli.
En Covadonga tivemos 45 minutos para poder ver un pouco este fermoso enclave, a súa Basílica, e a Cova da Santina.
Ás 18:45H saímos de regreso cara a Foz, facendo unha última parada de avituallamento no restaurante Lupa en Cudillero.

31 de xullo de 2011.
Roberto Morís