Crónica

BELÉN DE CUMES 2018


Como todos os anos, terminamos o programa de actividades colocando o Belén nun pico, nesta ocasión será no Castelo Vilacampa.

Comezamos a camiñar ás 10 da mañá, somos un bo grupo, con novas promesas que traen novas ilusións, ante unha actividade diferente.

Nada máis saír do bus tócanos subir, estes primeiros pasos serán sobre formigón, para daquela ser un camiño de zahorra, estamos rodeados de eucaliptos, a marcha vai tranquila, a un ritmo que permita gozar as magnificas vistas do val, paso a paso imos subindo, ata que chegamos a unha torreta de alta tensión, sobre un chairo, onde nos desviaremos á nosa esquerda, xa vemos claramente as penas do Castelo, agora imos camiñando sobre herba pegados a un aramado. O camiño empínase bastante, e non ten uns pasos claros, pero todos subimos, e os nosos máis novos camiñantes con ganas de chegar á cima, para así poder colocar o belén, soben rápidos.
Na meseta que forma a cima descansamos un pouco, tomamos algo e gozamos dunhas vistas do Val de Ouro inmellorables. Colocamos o Belén baixo unhas rocas grandes que fan unha pequena gruta, que protexa o Belén durante este Nadal. Facémonos unha foto de grupo, que deixe constancia do conseguido e comezamos o descenso.

Unha vez alcanzada a torreta de alta tensión, paramos para facer un brinde todos xuntos polo Nadal, e polo vindeiro ano, para que polo menos sexa igual ao que está a piques de rematar, aos mais peques dámoslles un premio polo esforzo, e continuamos baixando ata o autobús.

Grazas a todos unha vez máis por participar.

Bo nadal.


Morís.