>  

 

Crónica


Ruta A Cuevona, Molinos de Cueves

Nesta ocasión dirixímonos a terras asturianas, á zona de Ribadesella, onde faremos un precioso roteiro a beiras do río Sella.


Arrincamos no aparcamento á entrada da Cuevona, cova natural de grandes dimensións, con estalactitas e estalagmitas, cun río de auga que a atravesa. Esta é a entrada ao pobo de Cueves, na marxe esquerda do río Sella. Aproveitamos para facernos a foto de grupo co fondo da entrada a esta cova. Unha vez superada, atravesamos as rúas deste pequeno pobo, gozamos da súa arquitectura os seus hórreos, a súa capela. Cruzamos as vías do tren e camiñamos augas arriba paralelos ás vías. Volvemos pasar, nesta ocasión, baixo os raíles para comezar a subida, polo Barranco Ginestral, fácil subida e moi fermosa, gozamos da súa vexetación, carballos, castiñeiros, acivros, dos restos dos muíños que o salpican, recordos dun pasado moi vivo. Así chegamos a Tresmonte, onde nos desviamos á dereita e subimos pola estrada asfaltada 1Km, para desviarnos á dereita nunha pista ancha de saburra que atravesa un monte de piñeiros. Camiñaremos por esta pista nun cómodo descenso ata chegar a Cueves, polo camiño podemos gozar dunhas vistas panorámicas inmellorables, a Serra de Sueve, algunha cima dos Picos de Europa, as augas do río Sella. É aquí onde comezamos pola mañá onde poñemos o punto final ao roteiro de hoxe. Comemos no chiringuito do pobo.


Despois de comer dirixímonos a Ribadesella para ver a cova de Tito Bustillo, templo da arte rupestre e o seu centro de interpretación, para así completar o día e facelo aínda mellor.


Grazas a todos por este magnífico domingo en grata compañía e ata a próxima camiñada.
Un saludo.

 

Morís.