>  

 

Crónica

Ruta Monte Roxal-Teixido.


Para este primeiro roteiro do ano imos dirixirnos ata Trabada, é un precioso roteiro circular, que discorre por dúas bonitas fragas.

Xuntámonos no aparcamento ao comezo do roteiro, neste punto conflúen dous roteiros diferentes. Comezamos subindo por pistas anchas de saburra, ao principio rodeados de eucaliptos, para a medida que subimos, ir atopándonos con algunha mancha de piñeiros e finalmente xa atopar a fraga con árbores autóctonas e tapizada de musgo. Nalgún punto entre a vexetación podemos ver o val de Trabada, cuberto por un mar de néboas, seguimos subindo, o camiño esta branco, da xeada da noite pasada. Así chegamos ao punto máis alto de hoxe, o alto de Liñares, bonito piñeiral cunhas mesas para poder comer algo. Baixamos uns metros ata unha chaira xunto á estrada, moi asollada, así que neste lugar, aproveitamos para comer algo e repoñer forzas.


Desde este punto todo é baixada, un carreiro para ir en ringleira, gozando desta fermosa fraga, da súa vexetación autóctona, agora ispe, por estar na época do ano na que estamos, o chan atopase tapizado coas follas caídas de carballos, castiñeiros, e abundantes manchas dun musgo verde intenso. Durante este descenso acompáñanos o rumor das augas, do regacho Vilapercide. Pasada a última ponte subimos os últimos metros ata onde temos os coches, por unha pista ancha de saburra.


Despedímonos ata a saída do próximo mes, que será por terras asturianas.


Un saúdo e ata a próxima.


Morís.