>  

 

Crónica

Liga de Sendeirismo de Galicia, ruta do Xabriña.


Esta III proba da liga diríxese a terras de Ponteareas, onde faremos o Roteiro do Xabriña, estará organizada polo club Airiños. Nós iremos o día anterior e faremos noite en Ribadavia, para disfrutar un pouco desta vila, do seu casco histórico, e a súa vida nocturna.


Concentrámonos en Paraños, no inicio do roteiro PR-G119, roteiro do Xabriña. Á chegada recíbennos os nosos amigos do club Airiños, e agasállannos cun café e un doce típico, unhas breves palabras do presidente da federación e do club anfitrión e comezamos a camiñar. En primeiro lugar dirixímonos ao lagar da cera, o cal podemos admirar. Atravesamos as rúas de Paraños e dirixímonos ao río, xa que o roteiro desde este punto discorre pola marxe esquerda, en dirección augas arriba, para gozar das súas fragas, os seus saltos de auga, dos seus muíños, vestixios dun pasado agrícola moi importante na zona. O roteiro é moi fermoso, con esta vexetación autóctona e frondosa, que nos proporciona unha sombra que se agradece dado que temos un día asollado e de moita calor. Ao longo do percorrido atopamos varias fontes que nos serven para refrescarnos, xa que a calor vai en aumento. Gozamos dun camiñar moi agradable na pisada ao estar o chan tapizado de follas caídas, e relaxante polo son das augas do río. Como a calor segue en aumento, tras percorrer uns 5Km, decídese recortar o roteiro e dirixirnos cara ao comezo da mesma, pola marxe dereita, sen completar o percorrido.


Cambiámonos de roupa, secamos un pouco a suor e dirixímonos en coche, ao restaurante onde imos celebrar a comida de confraternidade.


Un día espectacular, moi boa compañía.


Grazas a todos e ata a próxima.

Morís.