Powered by Wikiloc

 

Powered by Wikiloc

>  

 

Crónica


 

Rutas Fin de Semana en Portugal.


Para esta o Andareiro de maio, iremos a terras portuguesas, estaremos unha fin de semana por alí e da man dos nosos amigos do club Airiños, gozaremos de dous fermosos roteiros, no Parque Nacional Peneda-Gerês.


Chegamos o venres á tarde a Monçao, que é onde temos o hotel balneario. Ceamos e despois damos unha volta polo pobo, logo a durmir que hai que descansar para mañá madrugar para facer o primeiro dos roteiros que nos teñen organizadas.


O roteiro do sábado é, As Invernias, que eran as aldeas onde pasaban o inverno co gando. Comezamos en Ameijoeira, collemos dirección norte cara a Assureria, imos por un carreiro, rodeados de carballos, castiñeiros, nos puntos altos temos unhas magnificas vistas destas montañas e vales, as augas cristalinas do río Castro Laboreiro, alégrannos o camiñar. Durante a camiñada pasamos varias pontes romanas moi ben conservados para a idade que teñen, non como os que fan os enxeñeiros de agora, camiñamos sobre calzadas de pedra, romana e medieval. Desde Assureria dirixímonos a aldea de Pontes, iso si parando antes nunha fermosa fervenza. Desde este punto encaramos a subida ao lugar de partida, onde nos espera o bus para achegarnos a Castro Laboreiro, que será onde fagamos a comida de confraternidade os dous grupos. Unha vez rematada, imos ao hotel para gozar das súas augas termais.


O domingo o roteiro elixido será, o Pequeno Tibet, en Sistelo. Partimos en subida cara a Portela de Alvite, desde o alto asomámonos ao miradoiro para admirar este val do río Vez, e ver a estampa típica dos seus socalcos, que nos lembran, a imaxe que temos do Tibet. Atravesamos por unha pista forestal unha plantación de Abetos do Canadá. Descendemos por unha calzada romana ata o río Vez, o cal cruzamos por unha preciosa ponte romana, empezamos a subir dirección Padrão, que vistas tan espectaculares deste val. Seguimos a senda, rodeados de vexetación que nos dá sombra e frescor, neste día asollado ata chegar a Sistelo onde poñeremos o punto final ao roteiro de hoxe.


Collemos o bus e dirixímonos a Arcos de Valdevez, onde faremos a comida de confraternidade. Unha vez tomadas as sobremesas facemos entrega ao presidente de Airiños dunha figura de cerámica co noso logo, para oficializar a confraternidade entre os dous grupos e agradecer o trato recibido. Tomamos o café e despedímonos dos nosos amigos, emprendendo a viaxe de regreso á nosa casa.


Grazas a todos por esta magnífica fin de semana e moitísimas grazas aos nosos anfitrións pola fin de semana que nos prepararon.

 

Morís.