>  

 

Crónica

Ruta Circular monte Rebollin, Salas.


Nesta ocasión dirixirémonos a terras asturianas, iremos xunto dos nosos amigos do Rebollin a coñecer a súa terra, Salas. Xa había ganas de volver xuntarnos para camiñar despois destes dous anos de parón pola pandemia.


Concentrámonos fronte á igrexa de Salas, facemos a foto de grupo e comezamos a camiñar. Saímos polo Camiño de Santiago, para ir ascendendo pouco apoco. Imos camiñando, gozando do rumor das augas do Nonaya, da vexetación exuberante dun verde intenso, carballos, castiñeiros, piñeiros. Así sen querer chegamos á fervenza do Nonaya, bonito lugar. Continuamos subindo ata chegar á estrada nacional, a cal cruzamos e seguimos subindo, pasamos por baixo da autovía, aínda en obras, camiño do alto do Rebollin, pouco antes da súa cima facemos unha parada para comer algo e repoñer forzas, nesta ocasión non faremos cume xa que hai unha néboa abundante que non nos permite gozar das magnificas vistas. Desde aquí toca baixar, chegamos a Cuxidal, seguimos baixando agora toca Poles, para continuar ata Salas, onde á beira do cuartel da Garda Civil, poñeremos fin ao roteiro de hoxe. Cambiámonos de roupa e imos tomar algo por Salas para facer tempo ata a hora da comida de confraternidade. Espéranos unha rica comida na Figal de Xugabolos, precioso broche para este día.


Grazas aos amigos do Rebollin por este magnífico día, exquisito trato e estupenda comida, como a néboa non permitiu gozar das vistas quedamos emprazados para o próximo ano, onde seguro que o tempo nos permitirá ver o que hoxe non puidemos ver.


Un saúdo.


Morís.