Crónica
O día amenceu radiante, con boa
temperatura. Sen dubida ía ser unha xornada perfecta para a práctica do
sendeirismo no marco incomparable da costa focega e o entorno do Río
Ouro.
Os participantes, sendeiristas de asociacións de Pasada das Cabras de Burela,
Asociación Micolóxica Lucus, de Lugo, ACD de
Xove, Os Sendeiros de Foz,
O
Carroucho de O Burgo (A Coruña), Peña Furada de Navia,
La Chiruca de
Cudillero, A.Vecinos Los Ríos de Contrueces (Xixón),
Club Amalio
Fernández de Ponferrada, AA. VV de Fazouro, foron congregándose a
carón do monumento á pescantina refrexada na figura da inesquecible e
popular Xica.
Na ría estaba a celebrarse unha
competición de piraguas do Campionato Galego de Piragüismo, espectáculo
que captou a atención dos asistentes que os entretivo ate á hora da
saída. Mentres non empezábamos a xente aproveitou para charlar,
intercambiar experiencias, en suma para facer amizade.
Faltaban os compañeiros de Cudillero e
agardamos por eles un anaco. Nada máis chegaren, xuntámonos para a foto
de rigor, ben apretadiños para que ninguén quedara fora pois era unha
morea os sendeiristas congregados: 450. Tras unhas verbas
dirixidas ós participantes polo presidente da asociación anfitrioa Os
Sendeiros, e do alcalde en funcións Xaime Cancio, emprendemos a marcha.
Camiñamos polo paseo de Tupide, pasando a
carón do "Joaquincito", ese pesqueiro que pasou da súa
actividade nas bravas augas do Mar de Foz a un merecido descanso en terra
firme, semellando unha navegación con rumbo Sur, cara á dársena ónde o
recordamos cos seus aparellos ulindo a mar, as caixas con o botín en
forma de fresquísimo peixe que logo se rularía na lonxa. Tamén pasamos
a carón do monumento ó pescador, esa figura de pedra halando eternamente
á rede con expresión ausente.
Ó pe da Rapadoira recíbenos o Arao, con
as súas ás cortadas por aqueles que non entenden de liberdade máis que
a súa propia para amolar o resto dos veciños, e egoistamente
disfrutar facendo canto mais dano mellor. Continuamos polo paseo da
Rapadoira, cara a Anderramos, gozando das vistas e do tempo, para
atoparnos con o Mar Cantábrico que nos recibía con un pouco de
marexadiña, as ondas rompendo nos castelos que por fora do cabo serven de
morada para gaivotas e cormorans.
E seguimos camiñando, agora en fila mais
alongada porque o paseo estreitase. Así vamos recorrendo as preciosas
calas e lugares emblemáticos de Foz como a Soalta, Ollo do Mar, A
Ronqueira, A Verde… ata chegar a Praia de Llas, coas súas dunas e con
as penas do Val enfronte.
Seguimos por Augadoce e tomamos o paseo
aínda en construción que nos acercaría á Praia de Peizás. Todo este
tramo, incluíndo a área de descanso está en obras. Detrás do cámping
San Rafael seguimos por unha senda que nos levará pola costa, refrescados
por unha brisiña do mar que se agradecía ben.
Antes de chegar á Praia de Xógaras
tivemos que baixar polas rocas e subir un pouco mais adiante. En pasando
esta recoleta Praia sen area deseguida chegamos á Praia da Pampillosa, en
Fazouro, onde o equipo de asadores xa estaba prendendo o lume para asar o
bonito.
Pasamos por un túnel para cruzar a
N-634 e as vías do tren, e xa nos atopamos na área de descanso
Entrepontes onde había un posto de avituallamento que entregaba a cada
sendeirista unha bolsa de liño contendo dúas pezas de froita e unha
botelliña de auga. Despois de repoñer forzas e tomar folgos continuamos,
cruzando o río pola ponte de ferro, divisando Villarmea, a Fonte da
Aldea, a Igrexa de San Campio xa engalanada para a festa do día seguinte,
a Ponte Vella e , como non, o Río
Ouro coas súas marismas. Aquí comeza
unha senda e un cartel informativo danos detalles deste roteiro.
A medida que nos vamos adentrando no monte
a vexetación vai sendo mais mesta, de gran beleza. As distintas especies
arbóreas, eucaliptos, piñeiros, bidueiros, freixos, abeleiras, forman
unha sombra que nos protexe do rigor do sol, sendo un pracer camiñar por
este entorno onde o silencio tan só o rompe o canto dos paxaros e o
correr da auga que paseniño vai atoparse con o mar.
Á veira da senda, de cando en cando
podemos observar uns carteliños que nos informan de algunha especie
forestal ou animal de interés. Enchemos a botelliña con auga na Fonte de
Fernandete, de abondoso e refrescante caudal. Pasamos a carón dun lugar
con diversas edificacións e un hórreo
tapados pola maleza e que nos
contan que vai ser restaurado para convertelo nun lugar singular e
etnográfico, que ampliará se cabe aínda mais o valor de este
fantástico entorno do Río
Ouro.
O río flúe mansamente, formando meandros
e rincons de gran beleza ate que, de súpeto atopámonos con unha paraxe
de ensoño con un salto de auga que ninguén resiste o impulso de
fotografalo. Ata aquí chega este roteiro.
Algúns veciños de Fazouro teñen un
soño: A volta algún día farase navegando mansamente ata chegar á
desembocadura do Río
Ouro. Non estaría mal, seria precioso. Agardamos
que se faga realidade mais cedo que tarde. Pero de momento temos que
volver camiñando. Para iso cruzamos o río e andamos pola beira oposta ,
o que nos proporciona outra perspectiva da paisaxe.
Seguimos así ata que volvemos a
cruzar o río por unha ponte de madeira de nova construción, e a partir
de aquí desandamos o andado para chegar de novo á área recreativa da Praia da Pampillosa.
Xa pasaba bastante das dúas da tarde
e a fame era negra, fame que aumentaba polo recendo do bonito que estaba a
ser asado en grandes grellas. A cada sendeirista entregábaselle un prato
con un anaco de bonito asado, un boliño preñado e unha tarrina de
requeixo. E por suposto viño coma nunha malla.
Cada un foise acomodando como puido,
sentándonos á beira do río, ou no prado buscando algunha sombra e así,
amenizados polo grupo de gaitas O Feitizo, demos conta das viandas. Aquilo
parecía un romaría, con tal cantidade de xente disfrutando do xantar e
da conversa, intercambiando números de teléfonos e de correo
electrónico. A bo seguro algunha das amizades que se fixeron neste día
perdurarán.
Ó remate sorteáronse algúns
agasallos, sendo os agraciados case todos das asociacións de Ponferrada
e Xove.
A Asociación os Sendeiros de Foz
quere
agradecer a todos os que participaron a súa asistencia e compaña, que
fixeron para nos un día inesquecible.
Tamén agradecemos ás empresas,
organismos e particulares que colaboraron, xa que sen eles este encontro
non sería posible.
E sen mais, emplazámosvos a todos para o
encontro que celebraremos o vindeiro ano 2009. Recordade reservar data nas
vosas axendas para estar con nós de novo a finais de Setembro do ano que
axiña comezaremos.
Unha aperta a tod@s.
David
Méndez.
|