Crónica

RUTA MELENDREROS - FUENSANTA


Nesta ocasión tócanos viaxar a terras asturianas, para da man dos nosos amigos do MIES de Oviedo camiñar xuntos, escolleron un roteiro pola zona de Nava.

Atopámonos con eles en Nava, tomamos un café e dirixímonos ao lugar de partida do roteiro de hoxe, Melendreros, baixamos dos buses , equipámonos, facemos a foto de grupo rutineira e comezamos a camiñar, o día está perfecto, moi boa temperatura, non chove e non fai vento, toca subir en dirección a Fayacaba, onde se atopa un albergue, pasaremos entre dous picos o Fueyu e o Oruxu, desde este punto temos unhas magnificas vistas, fermosa panorámica. Seguimos camiñando cara a Les Praeres, famoso lugar por ser final de etapa da volta ciclista a España en 2018, hai un bar, paramos a repoñer forzas tomando algo e de paso gozando da cerva Bambi.


Agora o grupo divídese en dous, un subirá ao pico Varallonga e o outro seguirá dirección ao Mayau o Pastor, os que subimos imos facendo zetas para gañar altura e chegar á cima, desde ela vemos ao outro grupo bordear a montaña, tamén temos unha panorámica 360, impresionante, vemos a costa, os Picos de Europa, a zona de Somiedo, xa hai neve nas cimas máis altas. Facemos unha foto de grupo dos que fixemos cume e comezamos a descender, pasmos por unhas paraxes moi bonitas, fragas de haxas, e dirixímonos ao encontro do outro grupo, ao Mayau o Pastor.


De novo volvemos separar en dous, uns baixaremos pola Foces do río Pendón e os outros irán por unha pista ata Fuensanta. O descenso ás foces é por un camiño rodeados de vexetación, que descende serpenteando para ir perdendo altura dunha forma mais cómoda, o descenso forte termina ao chegar ao río Pendón, cruzamos a ponte e seguimos baixando por un bosque fermoso de castiñeiros, haxas e toda unha serie de árbores e arbustos tapizados de brión. Ao principio esta foz é moi angosta e entra pouca luz, pero a medida que imos descendendo alárgase e entra máis claridade. E así paso a paso chegamos onde está a planta embotelladora de augas de Fuensanta, onde nos esperan xa os que baixaron pola pista.


Despois de cambiarnos de roupa dirixímonos en bus ao restaurante onde terá lugar a comida de confraternidade, tras as sobremesas entrégannos unha placa como recordo da visita, e a dúas dos nosos socios un detalle doce para compensarlles o desgusto que levaron cando nos visitaron en Foz.


Grazas amigos do MIES polo día e o trato que nos dispensastes e ata o ano próximo.


Un saúdo.


Morís.